Friday 10 de May de 2024

O pleno aproba a ordenanza fiscal reguladora do incremento de valor dos terreos de natureza urbana


Tamén se acordou renovar o convenio do Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte.

O Pleno ordinario celebrado hoxe comezou coa lectura por parte concelleira de Igualdade, Rocío López, da declaración institucional do Concello da Laracha de rexeitamento da violencia contra as mulleres que fora rubricada polos tres grupos municipais en torno á conmemoración do 25 de novembro. A continuación gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas desa problemática social.

Xa inmersos nos asuntos da orde do día, acordouse a aprobación da nova ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre o incremento de valor dos terreos de natureza urbana. Fíxose coa abstención dos tres concelleiros do grupo municipal do BNG e en contra da única concelleira presente do PSOE.

O coñecido como imposto de plusvalía municipal é o tributo directo que grava o incremento de valor que experimentan os terreos de natureza urbana -están excluídos os terreos rústicos- durante o tempo no que se teñen en propiedade, e que debe liquidarse unicamente en caso de transmisión do ben por venda, doazón ou herdanza, e só se efectivamente existe dito aumento de valor.

A cota do imposto proposta acordada no Pleno será o resultado de aplicar o tipo de gravame do 27 % á base impoñible, constituída polo incremento do valor dos terreos posto de manifesto no momento do devengo e experimentado ao longo dun período máximo de vinte anos. A ordenanza contemplara a bonificación do 50 % nas transmisións por causa de falecemento da persoa titular dos bens.
Así mesmo, tamén se aprobou a delegación da xestión deste imposto na Deputación da Coruña do mesmo xeito que se recadan outros tributos municipais, igualmente coa abstención do BNG e o voto en contra do PSOE.

Houbo unanimidade dos tres grupos na renovación do convenio que establece as bases de cooperación entre a Deputación da Coruña e os concellos integrantes do proxecto do Parque Arqueolóxico do Megalitismo na Costa da Morte. As novidades son a incorporación do Concello de Coristanco e a supresión de trámites concretos para facilitar a xestión conxunta dos proxectos.

Salientar, por último, a aprobación de dúas mocións. Nunha delas mostrouse o apoio do Concello á iniciativa do colectivo dos avogados e procuradores para que se establezan as modificacións normativas necesarias que lles permitan recuperar as súas achegas ás mutualidades privadas con destino ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos para aumentar a súa protección social. Na outra reclámase á presidencia de Televisión Española cumprir coa Lei 13/2022 Xeral de Comunicación Audiovisual emitindo todos os seus contidos, especialmente os da canle específica infantil e xuvenil, con opción dobrada ao galego.